Novas

mércores, 21 de agosto de 2019

O goberno local levará ao próximo pleno a terceira fase das beirarrúas da Cabana

Os traballos supoñen un investimento de case 767.600 euros e abarca o tramo entre a estrada a Valón e o parque da Cabana


O goberno local levará ao próximo pleno a terceira fase das beirarrúas da Cabana

A comisión informativa de Medio ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación celebrada hoxe acordou a proposta de aprobación das obras da terceira fase da Travesía de Serantes (DP 3612), que se levará para a súa aprobación ao próximo pleno ordinario.
Os traballos suporán un importante investimento, de 767.577,50 euros, dos que 547.135,10 procedentes da Deputación da Coruña se destinarán á execución das obras e 220.442,40 euros que serán achegados polo Concello de Ferrol para o pagamento das expropiacións necesarias. 
A terceira fase inclúe a construción dunha travesía mediante a ampliación da plataforma, execución de beirarrúas e aparcadoiro no treito comprendido entre os puntos quilométricos 1.180 e 1.640 de la travesía DP 3612, é dicir, entre a intersección coa estrada a Valón e o parque da Cabana, onde se construirá unha rotonda. No treito existen numerosas vivendas e non ten na actualidade unha infraestrutura adecuada para peóns. Inclúese reposicións de servizos e canalización de pluviais. 
Julián Reina, concelleiro de Urbanismo, explicou que se trata de “unha reivindicación histórica dos veciños”, polo que “é unha boa noticia para o Concello poder levar a pleno este proxecto”. 
O edil de Urbanismo detallou que a segunda fase, que comprende o tramo entre o centro de saúde de Serantes e a intersección coa estrada a Valón, está en trámites de expropiación. Desde esta corporación “imos impulsar este proxecto para que tódolos pasos se dean canto antes”, asegurou.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar